
Cobertura de incapacidade temporal por continxencias comúns
De acordo con canto establece o regulamento sobre colaboración das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social (Real decreto 1993/1995), Fraternidad Muprespa dispón dunha rede sanitaria e administrativa no eido nacional, apoiada por un programa informático desenvolvido polo CSI (Centro de Sistemas de Información), que nos permite, de acordo coa normativa vixente, participar no seguimento dos procesos, incidir na redución dos períodos de espera, nos procedementos de diagnóstico e en que os períodos de baixa sexan os axeitados á natureza da enfermidade, en beneficio tanto do traballador coma da diminución do absentismo laboral, motivado por estas causas.
Xestión
O regulamento de colaboración das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social (Real decreto 1993/1995) e o artigo 78 da Lei 13/1996, de medidas fiscais administrativas e de orde social, autorizan e desenvolven respectivamente a xestión da incapacidade temporal de continxencias comúns polas mutuas.
O desenvolvemento regulamentario actual refírese á xestión dos aspectos económicos e a un xenérico seguimento da situación de baixa do traballador e resérvase a facultade de emitir os partes de baixa e alta aos médicos de atención primaria.
Experiencia
No curto tempo de aplicación desta normativa (dende 1/06/96 ata 31/12/96) e sobre un colectivo asegurado de 175.670 traballadores, revisáronse 9.146 baixas laborais, permanecendo abertos 1.811 procesos.
Así mesmo, Fraternidad Muprespa conta coa experiencia que se deriva da nosa actuación na cobertura de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, que nos proporciona uns datos que indican que no ámbito nacional a media de días de baixa está moi por debaixo da media do conxunto de traballadores do Sistema da Seguridade Social.
Informes e exploracións complementarias
A partir dos informes elaborados polo Servizo Médico de Fraternidad Muprespa e de acordo co traballador afectado e, logo de autorización do médico de asistencia primaria do especialista ou da inspección médica do Servizo Público de Saúde correspondente, emítense informes médicos ou solicítanse as probas de diagnóstico pertinentes, que acurtan de maneira considerable os períodos de espera.
Mecanismos de seguimento
En cada unha das nosas delegacións ou centros asistenciais existe, polo menos, un médico responsable desta tarefa que conta coa colaboración, tanto administrativa como asistencial, para determinar os pasos que se han seguir en cada caso.
Para iso, dispoñemos de todos os servizos propios da mutua: traumatólogo, médicos consultores en distintas especialidades, radioloxía e rehabilitación, para os casos nos que o tratamento sexa pertinente, logo de acordo con médicos ou inspección médica do Servizo Público de Saúde.
Así mesmo, contamos cos hospitais, clínicas e centros asistenciais concertados na provincia como complemento dos propios e dun servizo concertado para o seguimento e asistencia domiciliaria, sempre baixo a dirección do noso responsable médico.
Comunicación con médicos de asistencia primaria e inspección médica
Establécese mediante comunicación persoal ou telefónica cos responsables da inspección médica dos correspondentes servizos públicos de saúde, aos que se lles proporcionan os informes médicos ou probas complementarias de diagnóstico que propoñamos ou poidan solicitarnos.
Neste aspecto, cómpre salientar que Fraternidad Muprespa asinou un acordo co Instituto Nacional da Seguridade Social para a emisión de informes e a práctica de probas médicas e exploracións complementarias a todos aqueles traballadores pendentes destas que este organismo nos poida solicitar, sexan ou non asegurados da mutua.